Skip to content

Concerto especial na Arca da Noe

O vindeiro 23 de Decembro sobre as 22:30h darei un concerto especial na Arca da Noe en Vilar de Santos. Especial porque toco na Arca, para min o mellor sitio onde poder tocar, pero sobre todo porque vai ser o comenzo onde anunciarei a idea moi próxima de gravar o meu primeiro disco como cantautor.

Fareino baixo a fórmula de Crowfunding, onde os mecenas, isto é vós coas vosas aportacións faremos que chegue a bo porto. Elixo esta fórmula porque quero que sexa un disco participativo tanto de colaboradores como da xente que me anima, que lle gusta o que fago e quere apostar por min e axudarme a que grave un disco.

Gravar hoxe en día, pode parecer un acto de valentía suicida, igual o é, pero eu estimo que se trata dunha necesidade. Que sería este país sen libros, sen discos… sen cultura. Máis aló do simple feito de ser un actividade remunerada, que cubrirá gastos, é unha necesidade de plasmar un cd o que a xente aprecia nos meus directos. É unha forma de que a xente poida disfrutar da túa música, de que te leven para as súas casas, de emocionalos, de que se divirtan…

Xa fun atando cousiñas que inda non me atrevo a comentar ata que abra o proxecto, así como as recompensas á xente que teña en ben axudar.

Agárdase unha noite especial na Arca. Sorpresas e algún tema novo…

Vémonos.

Novos videos

Teño o gusto de presentarvos os últimos videos gravados. Gracias a Alexandre Cabanelas polo bo traballo feito. Mirade na sección de Videos.

Colaboración con Quico Valeiras

O poeta e amigo Quico Valeiras vai sacar un libro de poesía baixo o patrocinio do crowdfunding, onde os mecenas coas súas aportacións sacaremos adiante o proxecto. É a primeira vez que musicalizo un poema dun autor vivo. Tiven unha conexión moi forte co poema, nada máis chegar ao verso “o amor son as maus” a música brotou soia e a vena ourensán rexurdiu. Co seu permiso, tocareina nos futuros directos. Agardo pronto podela mostar na xanela de Música desta páxina.

Entrevista de New Carba a Quico Valdeiras onde explica o seu proxecto. Pincha

Música na Páxina

Por fin podo comunicar que teño a miña música na páxina. Como moita xente preguntoume que quería escoitar algo meu de EuquE o meu primeiro cd gravado no 2009, aquí deixo unha pequena mostra. Foi unha edición limitada, que ainda gardo algunhas e que venderei nos concertos algún día. Como é algo moi distinto ao que fago agora, e non me gusta enganar a xente, de momento están conmigo.

Tamén subirei a primeira maqueta que  gravei. Agardo que sexa do voso gusto. E lembrade que todos temos un pasado.

Nova Xira

Despois de realizar a xira Oín falar tan ben de ti, acompañado de Susana e David Outumuro, que nos levou as principais cidades galegas, agora apetéceme comenzar unha xira máis íntima e máis acústica onde me enfrentarei eu  só, xunto coas miñas guitarras, ao público. Estarán os temas de sempre pero tamén novos temas en acústico que me apetece mostrar e que non tíñan lugar nunha formación de banda. Cada concerto vai ser único, xa que, podo improvisar repertorio que me interese no momento, ao non depender de ninguén.

Agardo que sexa unha xira de presentación longa para despois pecharme nun estudio de gravación e poder gravar o que sería o primeiro disco de cantautor.

Xa irei publicando as datas dos concertos.

IV Tangaraño. Sobradelo

 Participar no Tangaraño foi toda unha experiencia para min. Coñecer a artistas que os vía por primeira vez, propostas culturais diversas e un ambientazo increible.

Gardo tamén unha fermosa lembranza, xa que, sempre me lembrarei que foi o primeiro sitio onde me corearon o retrouso da “Oín falar tan ben de ti”. Eu só tocaba a guitarra e a xente cantaba, cando che pasa algo así non sabedes o subidón que dá, o agradecido que queda un e o ben que o pasamos todos.

Coñecer a Rochi foi tamén unha experiencia. Na vida vin unha persoa tan involucrada, ilusionada e con tanta enerxía para levar a bo porto o Tangaraño que cada ano vai a máis.

Visita obrigada para todo o público e artistas. Ademais está a seis quilómetros de Vilar de Barrio. Que máis se pode pedir?

anxo

Comenzo da xira 2017

Por fin xa chegou o día no que dá comenzo a xira que agardo poida recorrer moitos lugares da nosa xeografía. Comenzamos en Vilar de Santos na Arca da Noe. Non se me ocorre mellor sitio para comenzar, ambiente estupendo,un trato familiar, unha programación insuperable e ademais preto do lugar onde me considero da Limia, de Vilar de Barrio.

O concerto está pensado como unha viaxe. Agardo que todos aqueles que me descubren por primeira vez nun esceario, poidan ver e sentir un espectáculo de seu, onde ademais das cancións xogan tamén un papel primordial todos os obxectos que me acompañan e me axudan a presentar os temas. O repertorio creado farate voar e transitar pola quimera dos meus soños, que agardo que tamén poidan ser os teus. Trátase dun evento interactivo de estilos musicais, bromas escénicas e filosofía de andar por casa… todo para expresar todo o meu mundo. Unha viaxe onde agardo que perdure por moito tempo nas vosas lembranzas dese periplo sonoro que acabas de escoitar e que agora xa é de todos vós.

Irei colgando fotos e videos das actuacións. Non tardes moito en voltar a visitar esta páxina.